accesskey_mod_content

A Xunta de Galicia constitúe a comisión de seguridade e goberno electrónico.

  • Opinar
  • Escoitar
  • Imprimir PDF
  • Compartir

"Noticia dispoñible unicamente con fins históricos e de hemeroteca. A información e ligazóns mostradas correspóndense cos que estaban operativos á data da súa publicación. Non se garante que continúen activos actualmente".

06 novembro 2014

É o órgano colexiado ao máis alto nivel no sector público autonómico de Galicia que velará pola implantación da administración electrónica en todos os seus departamentos. Entre os seus obxectivos máis inmediatos está a aprobación do Plan Director de Seguridade da Información do sector público e do novo Plan para o desenvolvemento da Administración e o Goberno Dixitais.

A Xunta de Galicia vén de constituír a Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, o órgano colexiado ao máis alto nivel no sector público autonómico, responsable do impulso, coordinación e decisión no ámbito da seguridade da información e do goberno electrónico, no que participan todas as consellerías.

Tras a constitución deste órgano, presidido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o seguinte paso é a creación do tres subcomisións de apoio para o desenvolvemento das súas funcións.

Nun prazo máximo de tres meses crearase unha subcomisión específica no ámbito de Seguridade da Información, que se encargará de aprobar as directrices e instrucións en materia de seguridade da información e velar polo seu cumprimento; unha subcomisión de Interoperabilidade e Administración Electrónica, á que lle corresponde propor as medias para adaptarse ao Esquema Nacional de Interoperablidad e o seguimento das actuacións para implantar a eAdministración no sector público; e a subcomisión de Presenza Web e Goberno Aberto, que terá entre as súas funcións difundir a guía de políticas web corporativas, incorporar novos portais e servizos web sociais e propor plans de actuación en materia de transparencia e participación cidadá.

Obxectivos máis inmediatos
Entre os obxectivos máis inmediatos da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico está a aprobación do Plan Director de Seguridade da Información, que será a folla de ruta da Xunta de Galicia no ámbito da seguridade da información para o próximos tres anos. Un Plan que establece as medidas para garantir a seguridade dos sistemas, os datos, as comunicacións, e os servizos electrónicos, que permita o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes a través destes medios.

Outro dos obxectivos a curto prazo da Comisión é a aprobación do novo Plan de desenvolvemento da Administración e o Goberno dixitais 2014-2020, que permitirá evolucionar e consolidar as medidas desenvolvidas desde 2010, ano no que se puxo en marcha a primeira estratexia para avanzar cara a unha verdadeira administración electrónica. Entre os retos fixados para o novo período está completar a implantación do sistema único de rexistro, o servizo de notificacións telemáticas, un sistema para simplificar a tramitación en liña, a posta en marcha do arquivo dixital, a consolidación do nodo de interoperabilidade e a creación dun rexistro único empresarial e dunha plataforma global de subvencións.

Decreto aprobado no Consello da Xunta
A creación da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, está recollida no Decreto polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que foi aprobado no Consello da Xunta do pasado 5 de xuño. O decreto establece a creación dunha comisión interdepartamental que se ocupará das medidas administrativas, organizativas e tecnolóxicas para a aplicación da administración electrónica de maneira homoxénea e integrada en todos os departamentos autonómicos.
 

Fonte orixinal da noticia(Abre en nova xanela)

  • Servizos electrónicos
  • Seguridade
  • Goberno aberto, Informes e Estudos